A ría de Ribadeo é o estuario formado pola desembocadura do río Eo no mar Cantábrico. É a máis oriental das rías galegas, ou a máis occidental das asturianas, xa que serve de fronteira entre ambas comunidades autónomas, e ambas teñen competencias administrativas sobre ela. Como en tódalas rías, na ría de Ribadeo prodúcese un intercambio entre as augas doces do río e as salgadas do mar. Esta peculiaridade da lugar a un ecosistema cunhas características moi especiais, no que as diferentes variedades de flora e fauna se teñen que adaptar a estas condicións. Os sedimentos arrastrados polo río xunto cos traídos polas propias mareas, crean un biótopo moi rico en nutrientes, do que se aproveitan gran número de especies animais e vexetais. Moitas delas distribúense nas distintas zonas da ría en función de diversos factores coma o grao de salinidade, nivel das augas, ou tipo de sedimentos que forman o fondo, condicionando á súa vez ás especies depredadoras a se alimentar nunha ou outra zona.
Si por algo destaca a ría de Ribadeo é por ter unha especial importancia para as aves. Durante o inverno, convértese en refuxio para unha gran variedade de especies que veñen dende o norte de Europa en busca de climas máis benignos para pasala estación fría. Moitas delas utilizan a ría coma un lugar de parada no que descansar e repoñer forzas, antes de continuala súa viaxe cara ós seus cuarteis de inverno (sur da Península ou África).
Pola contra, outras moitas elixen a nosa ría coma o seu destino definitivo, converténdose no seu lugar de invernada. Nesta época destacan polo seu gran número os grupos de limícolas, gaivotas, garzas, e moi especialmente as anátidas, con grandes concentracións de pato rabilongo (Anas acuta), lavancos (Anas platyrhynchos), asubiadores (Anas penelope) ou cercetas (Anas crecca). De tódolos xeitos, aínda que esta sexa a época con máis abundancia de aves debido á chegada das invernantes, durante todo o ano os aficionados á ornitoloxía poden gozar da observación, posto que nas distintas épocas de paso migratorio, ou mesmo no verán, se poden ver outras especies novas procedentes doutras latitudes, que se suman ás que durante todo o ano viven aquí.
Debido a esta gran riqueza, a ría de Ribadeo foi recibindo diferentes figuras de protección que dan mostra do seu gran valor ambiental. Así, está catalogada coma “LIC-ZEPA da Ría de Ribadeo” (Lugar de Interese Comunitario – Zona de Especial Protección de Aves), segundo a Directiva Hábitat da Unión Europea, polo que pertence á Rede Natura 2000; “Humidal de Importancia Internacional” segundo a Convención Internacional Ramsar; “ZEPVN” (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) e “Humidal Protexido”, segundo a Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos; e “Reserva Natural Parcial” segundo o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Asturias. Ademais, a ría pertence ó conxunto territorial declarado pola UNESCO “Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón”, do que forman parte sete concellos galegos e sete asturianos.
Además, la ría pertenece al conjunto territorial declarado por la UNESCO “Reserva de la Biosfera del río Eo, Oscos y Terras de Burón”, del que forman parte siete municipios gallegos y siete asturianos.
Pero a pesares de todas estas flamantes declaracións e figuras internacionais, a ría de Ribadeo non deixa de ser un ecosistema moi delicado, no que a incesante presión humana que soporta ameaza constantemente os seus valores naturais. Así, algunhas das súas poboacións de aves máis características viron como se reducían drasticamente os seus números de exemplares invernantes, chegando incluso practicamente a desaparecer a nivel local algunha especie noutrora abundante.
Aínda que do mesmo xeito, tamén outras especies están a incrementala súa presenza no estuario. Todo isto demostra que estamos ante un ecosistema vivo, extremadamente sensible, e que pode verse alterado facilmente por moi diversos factores, especialmente os ligados a causas humanas.
Pola súa parte, o LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) das Catedrais, é unha estreita franxa costeira que se estende ó longo de 15 km., ata o veciño municipio de Barreiros. Os seus principias valores son de tipo xeolóxico, vexetal e mariño, e ten como máximo expoñente a famosa praia das Catedrais, declarada Monumento Natural, da que non imos descubrir aquí a súa espectacularidade. No que respecta ás aves, dentro deste espazo existen numerosos puntos de interese para a súa observación. Practicamente calquera punta ou cabo é un bo lugar para o avistamento de aves mariñas. Ademais conta cun modestísimo humidal de orixe artificial, pero que nos pode deparar agradables sorpresas, como é a Charca de Rinlo.
Comments are closed.